14 abril 2019

Conto 46 : As Penelas




As Penelas
Eu nom som nada


Andava um tal Amáncio caminho de Santomé, vindo da Seara,
alá polas Penelas, já chegando a Porros e pararo-no uns nacionais.

-Ti nom serás republicano ?, dixo um dos gardas

  -Eu nom som nada, dixo Amáncio

- Oes, como nom é nada, nom val nada, entom pegamos-lhe um tiro, 
dixo o outro garda.


"Sempre se é algo", dizia Dario Monea.



A Darío Monea in memoriam




Moradella editora




12 febreiro 2019

Conto 44: O galo non cantou no Rancho pero o Cuco sí



“Debeu de ocorrer a principios de 1970, poda que no 73. Era, iso si no inverno, entre Navidades e Entroido que era cando en Santomé a xuventude non dispoña de moitos recursos para divertirse e tiñamos que recorrer ao inxenio para non aburrirnos demasiado.

Ese Domingo xuntarámonos un grupo de mozas e mozos, arredor de vinte, no Rancho que era como lle chamabamos ao bar tenda que fora de Lino García e que despois reabrira durante algún tempo o seu irmán Antonio “o tolo” e entre todos acordamos facer unha merenda/cena poñendo cada un o que puidera, decidíndonos ao final por un arroz con pito. Arroz había na tenda así como pementos morros,guisantes, tomate, azafrán etc.

O que había que conseguir era o capón e para iso encargarámonos dous ou tres en saír a buscalo non tardando moito en volver cun ben mantido exemplar. De desplumalo e limpalo encargáronse outros e de cociñalo fíxeno eu que xa tiña algo de experiencia daquelas por haber traballado de cociñeiro .

A experiencia non serviu de moito xa que o capón xa non era novo e a pesar de botar mais de unha hora cocendo acabou quedando bastante duro, iso si o arroz estaba bo e comeuse todo. Da bebida e dos cafés encargábase Antonio, non facía falta nada mais que pedirlle, mais difícil era a hora de pagar xa que había que discutir con el para que cobrara con algo de ganancia.

Unha vez ben comidos e bebidos quedaba cantar e de iso o especialista en shows era o Cuco de Hortensa, non precisamente polo ben que o facía, senón polo entusiasmo que lle poñía, mais que nada cas cancións en inglés. A reina de todas e con que sempre remataba era Mamy Blue versión orixinal.

O espectáculo empezaba facendo unha representación que intentaba ser seria, nun castelán de andar por casa, que ben podía parecerse a isto: “Señores y señoras con todos ustedes José Villar, mas conocido como el Cuco”. A partir de aí xa era moi difícil que puidera continuar xa que as risas na xente eran inconteñibles. Cando conseguía que houbera algo de silencio intentaba seguir, pero como quería empezar sempre desde o principio, volvían as risas e isto podíase repetir varias veces hasta poder engadir algo mais. “Hoy vamos a interpretar para este distinguido publico que nos acompaña”, ja ja ja, “la canción de los Pop Tops que lleva por titulo Mamy Bluj ”,
ja,ja,ja, “para acompañarme está mi vecino Luisjuai que hará el coro”.

O de acabar os nomes ou os títulos en j, juai ou algo que puidera parecerse ao inglés, e literal. A canción podía parecerse un pouco a isto, con moita imaxinación:

O Cuco: ai mai bi yu jause wuay di wey

Eu: Oh Mamy
O Cuco: mai wey yu jaus….

Eu: Oh Mamy

Cando chegaba ao estrebillo animaba a cantar a todos e a xente obedecía entre risotadas. Realmente era un espectáculo, había que velo.

O peor veu ao dia seguinte xa que dende a maña cedo a tia María García andaba en busca dun capón que lle desaparecera e viñéralle preguntar a miña nai, que vivía en fronte, eran comadres e sempre se levaran ben, si o había visto. Miña nai non sabia nada de nada. Xa pola tarde parece ser que Antonio ao ver a nai tan desgustada, acaboulle dicindo que o dia antes os raparigos fixeran unha paella cun capón no Rancho, que o desplumaran no patio, e que si quería mirar si era o dela fora a ver as plumas que aínda andaban por alí.

Aínda hoxe non sei ben porque a tia María me inculpou a min como principal executor, recoñezo que tiven algo que ver pero non fun o único, o caso e que á miña nai castigouna sen falarlle durante un tempo. Eu daquelas xa paraba pouco por Santomé pero aínda así, cando pasaba ao lado dela e saudábaa, nunca me devolvía o saúdo.”


Texto By Luis de Olimpia
A Cuco Manroi in memoriam (foto)


Moradelha editora




10 febreiro 2016

Conto 42 : O Pisom da Ribeira





O Pisom da Ribeira
Os nenos junteiros


Justo dipois da guerra civil, polo tempo da vindima, o tio Manoel Monea mandava aos rapaces ò xornal a Meizo e a San Paio.
Para os nenos, afeitos o travalho da casa, na sacha, na renda ou arando coa xunta de vacas antepostas, remexendo coa canga de oito furas, ou carrando tojos dende a manhá cedo, travalhar na Ribeira era um divertimento.

Alá ían os irmaos Eladio, Dario e mais Florinda.
A mocinha cortava, Eladio ainda mozo, fazia de carrexom, coma um home, levando aquiles grandes queipos encolgados entro fronte e a res. 
Dario, o rapaz pequeno, quedava de pisom na adega, calcando descalço nos bagos a jornada enteira.

Manoel quedaba contente em Santomé, sabendo que os seus parentes de Macendo davam-lhe uma boa mantença òs rapaces.
Boa vitela e bacalhau dia si e día non. Merendas na adega ò cair a tarde a base de presunto e vinho branco da Ribeira. Jantares de abondo bem ganhado, polo travalho duro de sol a sol, daquiles rapacinhos fagedeiros.

Cuncas de leite fervido e pam de broa co espertar do dia, coas nevoeiras do Minho.

Ao rematar en Meizo, travessavan o rio em barca dende Castrelo, para escomençar de novo em Sam Paio ou Ventosela.

Istes forom os nenos junteiros.


El niño yuntero


A Darío e Florinda Monea

Foto: Sam Paio e Ventosela (encoro de Castrelo) dende o povo de Traveso  (17/4/2011).




Moradelha editora




26 marzo 2015

Conto 37 : O can da vindima



O can da vindima
Isse can é duma cadela


Daquelas, polo tempo da vindima,
era obrigado que os cás levaram posta uma fucinheira.
Aos cás cobizávam-lhe as uvas maduras
e havia que tapar-lhes o bico pra que nom derramaram a colheita.

Seica um dia Orentino tivo que chamar à garda civil,
por causa do escachifo que atopou na vinha da Presoria.
Deu recado polo Anpián de Cartelhe,
para que vinheram do Picouto, en Ramirás.

Aparecerom ao dia siguinte dous gardas civis
a cavalo polas Airas, e chamarom aos vecinhos.

- Haver, de quem é isse can que denunciou Orentino ?,
preguntou um dos gardas.
 
    - Sabe-o Eliseu Chimpacarros, dixo Antonio Carrizo.

- Ide en pesca del entom, onde para ?

    - Deve andar na casa, dixo Modesto da tia Rosa, vou en busca del.

Modesto marchou cara o Fondo Lugar
e atopou a Eliseu na casa, remexendo no curral.

- Oes, tés que falar coa garda civil dum asunto dos cás,
que seica comem as uvas, agardan por ti nas Airas.

Eliseu e mais Modesto atravessarom o Cruceiro
e subirom cara as Airas.
Ò chegar ò bar de Otilia, presentou-se aos gardas: 

- Bós dias, som Eliseu, pra que se me chama, si pode-se sabere ?.

    - Bem, dim eiquí que vostede sabe de quem é o can
      que lhe chimpou as uvas a Orentino.

- Home craro que che sei :

- Isse can é duma cadela !.


🌟

A Eliseu Chimpacarros (in memoriam) 



Moradelha editora






03 marzo 2015

Conto 36 : O muíño da Seara





O muiño da Seara
Moendo, moe que moe ...


Daquela en Santomé non che había muíño.

Cando na casa da tía Vicenta compría fariña, era o neno Eladiño,
(xa mozo), quen ocupábase de ir á Seara coa burra mailo millo. 

O neno tíñache unha media moza na Seara, que mira tu, érache filla do muiñeiro.

Así cun dia, levando o millo a moer, dispois de atravesar o Ribeiro e subir a Costa da Serra,
apareceu no muiño da Seara.

O muiñeiro andábache coa moenda e il sentábase xunto a muiñeiriña, na banqueta do muíño.

Que sorte tivo aquel día, que de súpeto marchou a luz, e claro, estándoche tan a beira dela,
o rapaz empezou a remexer na muiñeira.

Xa ben fervente, zás, volveu a corrente. O Eladiño medio espelicado ergéuse disimulado,
mais co medo que collera, escapóulle un peido, que sintíuse no muíño todo.

- (Muiñeiro) Oes rapaz, ti és un pouco malvesado ou !
- (Rapaz)    Perdone vostede, é que ise peido quixo saudar !

Coa vergonza que pasou, o rapaciño votou moito tempo sen aparecer polo muíño.


Unha noite no muíño


A Eladio Monea  (in memoriam)

Foto : As Airas de Santomé coa Seara no fondo (18 Xullo de 2009)



Moradella editora




02 abril 2014

Conto 33 : O burro de Maruxa



O burro de Maruxa de Terzas


Maruxa vivía en Terzas, casou con Avelino e tiveron un fillo, Milucho, que foi mecánico, primeiro en Barcelona e dispois en Nogueiró.

Daquelas, Maruxa, tiña un burro, que a tía Angelina pidíalle prestado no verán, cando lle viñan os netos. Os rapaces ían contentes ós eidos a cabalo do burro. Acompañaban á avoa carrexando herba ou levando millo a moer.

Cando ían as ardades, pola Veiga da Presoría ou polo Outeiro do Muiño, no primeiro descoido, o burro escapaba para Terzas, seguramente cangado cós rapaces. Saía zurnindo pola igrexa abaixo ata chegar ó patio de Maruxa. Os rapaces corrían atrás del mais nunca o daban pescado. Gastaban o tempo turrando da corda mailo burro de volta para Santomé.

Á mañá os rapaces, coronáballes sacar o burro do curral das Airas e deixalo espuxarse no patio.
Dispois Angelina púñalle os aparellos e outra xornada de burro.

No eido, Angelina ataba o burro nunha sobreira ou nun piñeiro, para que pacera o seu xeito.
Coronábanlle os toxos, máis aínda que a herba.

Un dia pola tardiña, volvendo da Fontela cun feixe de pendós, o burro escapou e non se soubo del ata dous dias dispois.
O probiño seica apareceu morto polo Tapado.

Dicíase que morrera dunha fartura de toxos.
Co tempo houbo quen lle apoñía ós nenos a sua morte, por causa de meterlle un garabato de toxo no cu.


A Maruxa de Terzas (in Memoriam)

Foto : Noreo en burro polos Cardedos (verán de 1984)


Moradella editora





21 agosto 2013

Conto 29 : A rodriga




A rodriga
Canto máis aramio leves, máis barato che saile


Andaba Amancio na rodriga, na viña que tiña detrás do taller.
Decidiu que lle compría cambiar unhos arames para engarrar ben as cepas.

Agarrou o burro cos aparellos e tirou cara o Tapado, camiño de Cartelle.
Ía á ferretería que tiña Paco, que érache primo carnal da muller.

Foi apeado do burro, pois chamábase Basculante e cando subías a cabalo del, zapateábate por diante ó chao.

O seu can, o Kollak, apareceu polo Tourabelo, e foi canda eles ata Cartelle.

Ao chegar, aparcou o burro no campo da feira e foi onde Paco.

- Home Amancio, ti por eiquí, dixo Paco.
Como vai Florinda ?

- Alí anda, moneando polo Curro.
Mira, compríame arame para aliñar as cepas, supoño que tés.

- Si ho !, canto che compre ?

- Ben, que prezo ten ?

- Home, canto máis leves, máis barato che sai.

- Sendo así, váime pondo, que non che teño presa, dixo Amancio.



A Amancio Seijo amais Paco Martínez (in memoriam)

Foto : Cartelle dende Santomé, Xullo de 2005



Moradella editora




05 agosto 2013

Conto 28 : Ai Mundo, Mundo (3)




Ai Mundo, Mundo (3)
Eu vexo correr o Mundo pola Moradella abaixo


Un día no verán, seica andaban asando sardiña os de Xosé e Domitila, na airiña que teñen onda casa.


Ao gatiño Mundo chegáballe aquel arrecendo e tirou cara a Maradella en pesca dos peixes asados.

O Mundo chegou miudiño ondas rexas da porta de ferro, co vento nos bigotes para cheirar ben e non ser cheirado.

Así que tal, zás, alá van unha recua de cans e gatos en pesca del.
Alá vai escapando o probe Mundiño, escopeteado pola Moradella abaixo (imos zurnindo, que me collen os gatos de Filisindo)

Mentres Nas Airas, falaba Ramón de Virginia :
- Oes Petolo, eu vexo correr o Mundo pola Moradella abaixo !
- Ti que vas ver ho, ti que vas ver .. !, dixo o Petolo.



A Ramón de Virginia
Foto : As Airas dende a Moradella, 10 de Outubro de 2010


Moradella editora




28 abril 2013

Conto 26 : Os cinco pesos



Dispois da guerra a fame érache moita.

Entón ter un fillo facendo o servizo militar era bo, xa que non xantaba nin durmía na casa.

Mais tamén doutro xeito, non chistaba o feito de non poder contar con el no traballo.

Con sorte e traballando duro, na casa tíñase algún leite, millo para bica, algo de viño e unhas lengüizas, un pouco de lardo, e ovos poucos, que había que vendelos xunto co lacón mailo xamón da mata.

Se habia algúns cartos do xornal da Ribeira, non chegaban a nada.

Velaí que un día chegou unha nova, carta dun fillo, dicindo :

Queridos pais :

Compríanme cinco pesos, para poder vir á casa de volta no tren, a pasar unhos días convosco.
Dende Barbantes xa virei a pé.


E o pai respondéulle,

Querido fillo :


A carta que enviaches pidíndome cinco pesos, non a recibín.
Pola presente aquí todos che estamos ben.
Os tíos e primos mándanche moitos recordos e a túa avoa reza cada noite por ti.

Sen máis, recibe unha forte aperta dos teus pais.


A Eladio Monea (in memoriam)

Foto : Antonio Vicente Monea, de pé coa gorra de viseira
(no campamento de Sant Climent Sescebes en Girona, polo 1970).


Moradella editora





21 abril 2013

Conto 25 : A vaquiña terca



A vaquiña terca
(Din que os animais requestan ó dono)


Un dia pola tardiña, xa no luar, viña Daniel das Airas levando dous licores café de máis no corpo.

E xa na Moradella, abrindo a cancela do seu patio, estaba Elvira agardandoo no corredor :
- Oes Daniel, hoxe tés que munguir tí, que Josefa ándache coa rega na Fontela.
            - Ben muller, que lle imos facer, xa vou pra corte.

Daniel deixou a caxata na escaleira e agarrou un caldeiro disposto a munguir.

Dispois colleu a aguillada e entrou na corte :
Vaca atrás! , festa pra trás!, que che dou, vásme comer !, vaca alá, quietiña ...

Colleu o tamborete da munguida, sentouse como puido e comenzou a munguir a duas mans (profesional).

Cando levaba unhos cuartillos, alá vai a Marela que dunha couce zapateou o caldeiro co leite.

Daniel enfurruñou e atóulle a perna da vaca no pesebre.

Mungue que mungue, o cabo de pouco alá vai de novo coa outra perna e tras, volveu chimpar a vaca outra vez o caldeiro.

Mecágona! Imos quedar sin leite. Atóulle a outra perna cunha corda.

Xa parecía que a cousa íache millor e trás, co rabo a Marela volveu zapatear o leite.

Daniel desesperado sacou o cinto dos pantalós e subindo no tamborete púxose a amarrar o rabo da vaca nunha trabe da corte.

Nesto que aparece Josefa pola porta, mirando seu pai, que coa sospresa caíranlle os pantalós :

- E logo que fai papá, hoxe bebeu un chisco de mais !
            - Mira Josefa sei o que estás pensando, mais tén unha explicaución anque non ch'o pareza.
            - A Marela díulle hoxe por monear e púxome quente de mais , non é ho que pensas.


Eche así, seica os animais requestan ó dono.


A Josefa (foto) e mais Daniel (in memoriam)



Moradella editora




13 abril 2013

Conto 23: Os Caracolos




Houbo unhos anos que Serafín Monea viña polo verán de vacacións a Santomé.
Como el era un bo cociñeiro e un home xeneroso, sempre organizaba e convidaba a un que outro xantar, alí nas Airas.

Un ano, chafallando pola praza de abastos, na capital, gustáronlle unhos caracolos que viu.
Así que agarrou duas saquetas deles e marchou á aldea.

En Santomé deixóunos colgados a babuxar no laranxo que tiña Angelina no inxido, á beira da súa cociña.

Pola tardiña, pasando Otilia por diante deles, pensou que os rapaces andábanche de gamberrotes e que lle deixaran aquiles coscos, que lle diron moito noxo.

Otilia agarrou as saquetas e zapateóunas a correr no contedor do lixo.
De volta, sentiu ós homes xogando ó dominó no bar, entre eles Serafín, dicindo :

- Pasado mañá vóuvos gobernar unhos caracolos cun mollo para xantar, que ides quedar quentes.

    - Bo, iso aquí no hai que ch'o queira, á xente dánlle noxo, dixo Filimón.
- Ben, cando probedes, xa veredes que cousa máis boa.


Otilia ó sintir aquelo, pensou : mecágona !, non foron os rapaces.
A cousa quedou así.

Ós dous días, alá vai Serafín recoller os caracolos ó inxido, para meterlles a man e claro, non estaban xa no laranxo.
Entón, entrou na cociña onde Otilia :

- Oes, e logo os caracolos que deixara aquí diante ?
     - Eu non che sei ren, dixo Otilia,  comeríanos os cans.
- Como van comer caracolos os cans, iso eche imposíbile, contestou Serafín.
     - Pois non  sei, dixo Otilia.


Serafín remexeu para diante e para trás e non atopou, nin cans, nin caracolos, nin cascas, nin coscos siquera.

A cousa eche así, pode que a algún Santomequeiro lle saiban os caracolos,
mais si é así, ben seguro que botou unhos anos noutras culturas.



A Otilia e mais Serafín Monea (in memoriam).

Foto : /Comilota nas Airas , paella xentileza de Serafín Monea.
(polo verán do 1972)



Moradella editora



14 marzo 2013

Conto 21 : O reloxo


Unha noite do verán, viñan os mozos da festa de Macendo, e pararon aínda un pouco á parola onde o lavadoiro.

A un deles colléulle un apretón, coa camiñada de volta.
Así que, agarrou e metéuse nunha viña alí á beira.

O home quedou desabafado, deixando aquel presente na viña, que mira ti, érache do Pepe Xereque.

A mala sorte quixo, que ademais do regaliño que deixou na viña, seica o turrar, caíralle o reloxo na gabia.

O mozo ata pola mañá, non extrañou o reloxo.
Así que dándolle voltas a cousa, pensou que se cadra lle caira na viña do Xereque.

Foi para alá, mais só viu o potretón. Non se lle ocorria en ningures para perdelo.

(Xa foi mala sorte que o Xereque fora cachafurrear na viña pola mañá cedo e atopara co reloxo).

Dispois do mediodía, no café das Airas, alí chega Pepe Xereque cun reloxo en cadansúa pulseira, o seu mailo outro, falando alto e forte :

- Atopei un reloxo, si sabedes quen o perdeu ?
De quen queira que sexa, se me di onde o perdeu, dóullo !.


O dono non estaba alí, mais pouco tardou en coñecer onde tiña o seu reloxo e cabilou para diante e para tras, e non foi capaz de ilo pescar.

Pensou no longas que as gastaba o Xereque e diu o reloxo por perdido para sempre.

Podería acontecer, se o mozo fose reclamarlle o reloxo, que o Xereque llo devolvera envolto co outro regaliño que deixara na gabia, quen sabe.


A Antonio Xereque
Foto : O lavadoiro de Santomé (2012)


Moradella editora





15 marzo 2012

Conto 15 : O Senxeito




Naqueles tempos as estradas éranche estreitas, de terra e máis de grava.


A Pepe Motora chamábanlle así porque sempre andaba correndo coma unha moto, dun lado para outro, onde quixera que fora.


Xa en Castela, nas segas, lle puxeran o alcume, ben o seu xeito, como sempre se poñen.
Seica coronaba velo carrexando os feixes e levándolle auga aos homes.


Así que vindo un día da feira Pepe Motora, pasou o coche de línea do Sinxeito a beira del, e claro, parou para recollelo.


- Sube Motora, dixo o Senxeito.

- Non subo que téñoche moita presa, contestou agudo Pepe Motora.


¡ Canto corría Motora e que devagar andaba a línea, ou que !.


A Pepe Motora (in memoriam)

Foto : /En Cartelle polo ano 1970.
Dario, Eladio e Serafin Monea coas donas e cos primos de Terzas, Orlando e mais Paco e seu cuñado Avelino.

Moradella editora



31 outubro 2010

Conto 11: O ollo de vidro




O ollo de vidro
Conversas á beira da pota do augardente

- Oes, pois un tío meu facendo o servizo militar, mentres che era de garda, seica escapou un tiro dun cetme e chimpóulle un ollo.

Levárono ó hospital e puxénronlle un ollo de vidro.
E podes crer que aínda hoxe véche mellor co ollo de vidro que co outro !.

- Bo, eso no che é nada ho !.

Meu tío, traballando na fábrica da Seara deuxou catro dedos dunha man na serradora.
No hospital inxertáronlle unhos tetos de vaca.
E podes crer que ó turrar deles aínda hoxe dan leite, chacho.

- Home eso habería que velo !

- Si ho !, co ollo de vidro do teu tío !



A Mercedes Monea

Foto :/ Ano Xacobeo 1999.  Lola, María e Carme


Moradella editora






30 outubro 2010

Conto 10 : A rifa da burra



Un ano para as festas de Santomé,
o cura organizou facer unha rifa,
para recoller cartos.

Falou co sacristán e ordenaron,
que estaría ben rifar unha burra.

Mírate tu que a burra fóille tocar ó sacristán, chacho.



A Dario Monea

Foto: / Marquiños en Nogueiró, Agosto 2006


Moradella editora



09 febreiro 2009

Conto 7: O cabalo




Un home tiña un cabalo e non che andava alá moi contente con el. Só comía e durmía.

Entón marchou cara a feira co cabalo para ver si ch'o vendía.

Xa na feira, outro home, interesado en mercar un cabalo para a súa facenda, preguntou:
- Que tal é este cabalo bo home ?

- Pois este cabalo éche unha marabilla.
Cómeche pouco, amais calquera cousa, tanto che ten que sexa unha pataca o unha mazán ou un nabo podre, ata un toxo, con eso pódeche pasar o dia, sen parar de traballar, corona velo.

- Home sendo así. Canto quere vostede por el ?.

- Pois tanto.
- Estache ben.

O home mercou o cabalo e levouno consigo.

Ó día siguinte, o cabalo no se lle daba erguido e só che quería comer. O dono dáballe mazás e patacas, e non as quería. Só lle cobizaba a fariña e o grao. Os aparellos, que os poña o dono, non había xeito.

Pola semana, este home volveu á feira para falar co que lle vendera o cabalo.
Cando atopou con el, díxolle:
- Escoite, o cabalo que me vendeu é un nugallán e só quere comer, e non calquera cousa.
Dorme todo o dia. Non hai xeito que che traballe nada.

O vendedore contestoulle:
- Mire bo home, co as explicacións que vosté da, non vai dar vendido o cabalo !

A Pepe o capitán


Moradella editora




Conto 87 : O corvo da Moradelha

  O corvo da Moradelha Quando polos anos 60 triunfavam os Beatles : Em Santomé, polas tardinhas, logo da merenda, os nenos botavan uma parti...