21 agosto 2013

Conto 29 : A rodriga




A rodriga
Canto máis aramio leves, máis barato che saile


Andaba Amancio na rodriga, na viña que tiña detrás do taller.
Decidiu que lle compría cambiar unhos arames para engarrar ben as cepas.

Agarrou o burro cos aparellos e tirou cara o Tapado, camiño de Cartelle.
Ía á ferretería que tiña Paco, que érache primo carnal da muller.

Foi apeado do burro, pois chamábase Basculante e cando subías a cabalo del, zapateábate por diante ó chao.

O seu can, o Kollak, apareceu polo Tourabelo, e foi canda eles ata Cartelle.

Ao chegar, aparcou o burro no campo da feira e foi onde Paco.

- Home Amancio, ti por eiquí, dixo Paco.
Como vai Florinda ?

- Alí anda, moneando polo Curro.
Mira, compríame arame para aliñar as cepas, supoño que tés.

- Si ho !, canto che compre ?

- Ben, que prezo ten ?

- Home, canto máis leves, máis barato che sai.

- Sendo así, váime pondo, que non che teño presa, dixo Amancio.



A Amancio Seijo amais Paco Martínez (in memoriam)

Foto : Cartelle dende Santomé, Xullo de 2005



Moradella editora




05 agosto 2013

Conto 28 : Ai Mundo, Mundo (3)




Ai Mundo, Mundo (3)
Eu vexo correr o Mundo pola Moradella abaixo


Un día no verán, seica andaban asando sardiña os de Xosé e Domitila, na airiña que teñen onda casa.


Ao gatiño Mundo chegáballe aquel arrecendo e tirou cara a Maradella en pesca dos peixes asados.

O Mundo chegou miudiño ondas rexas da porta de ferro, co vento nos bigotes para cheirar ben e non ser cheirado.

Así que tal, zás, alá van unha recua de cans e gatos en pesca del.
Alá vai escapando o probe Mundiño, escopeteado pola Moradella abaixo (imos zurnindo, que me collen os gatos de Filisindo)

Mentres Nas Airas, falaba Ramón de Virginia :
- Oes Petolo, eu vexo correr o Mundo pola Moradella abaixo !
- Ti que vas ver ho, ti que vas ver .. !, dixo o Petolo.



A Ramón de Virginia
Foto : As Airas dende a Moradella, 10 de Outubro de 2010


Moradella editora




28 abril 2013

Conto 26 : Os cinco pesos



Dispois da guerra a fame érache moita.

Entón ter un fillo facendo o servizo militar era bo, xa que non xantaba nin durmía na casa.

Mais tamén doutro xeito, non chistaba o feito de non poder contar con el no traballo.

Con sorte e traballando duro, na casa tíñase algún leite, millo para bica, algo de viño e unhas lengüizas, un pouco de lardo, e ovos poucos, que había que vendelos xunto co lacón mailo xamón da mata.

Se habia algúns cartos do xornal da Ribeira, non chegaban a nada.

Velaí que un día chegou unha nova, carta dun fillo, dicindo :

Queridos pais :

Compríanme cinco pesos, para poder vir á casa de volta no tren, a pasar unhos días convosco.
Dende Barbantes xa virei a pé.


E o pai respondéulle,

Querido fillo :


A carta que enviaches pidíndome cinco pesos, non a recibín.
Pola presente aquí todos che estamos ben.
Os tíos e primos mándanche moitos recordos e a túa avoa reza cada noite por ti.

Sen máis, recibe unha forte aperta dos teus pais.


A Eladio Monea (in memoriam)

Foto : Antonio Vicente Monea, de pé coa gorra de viseira
(no campamento de Sant Climent Sescebes en Girona, polo 1970).


Moradella editora





21 abril 2013

Conto 25 : A vaquiña terca



A vaquiña terca
(Din que os animais requestan ó dono)


Un dia pola tardiña, xa no luar, viña Daniel das Airas levando dous licores café de máis no corpo.

E xa na Moradella, abrindo a cancela do seu patio, estaba Elvira agardandoo no corredor :
- Oes Daniel, hoxe tés que munguir tí, que Josefa ándache coa rega na Fontela.
            - Ben muller, que lle imos facer, xa vou pra corte.

Daniel deixou a caxata na escaleira e agarrou un caldeiro disposto a munguir.

Dispois colleu a aguillada e entrou na corte :
Vaca atrás! , festa pra trás!, que che dou, vásme comer !, vaca alá, quietiña ...

Colleu o tamborete da munguida, sentouse como puido e comenzou a munguir a duas mans (profesional).

Cando levaba unhos cuartillos, alá vai a Marela que dunha couce zapateou o caldeiro co leite.

Daniel enfurruñou e atóulle a perna da vaca no pesebre.

Mungue que mungue, o cabo de pouco alá vai de novo coa outra perna e tras, volveu chimpar a vaca outra vez o caldeiro.

Mecágona! Imos quedar sin leite. Atóulle a outra perna cunha corda.

Xa parecía que a cousa íache millor e trás, co rabo a Marela volveu zapatear o leite.

Daniel desesperado sacou o cinto dos pantalós e subindo no tamborete púxose a amarrar o rabo da vaca nunha trabe da corte.

Nesto que aparece Josefa pola porta, mirando seu pai, que coa sospresa caíranlle os pantalós :

- E logo que fai papá, hoxe bebeu un chisco de mais !
            - Mira Josefa sei o que estás pensando, mais tén unha explicaución anque non ch'o pareza.
            - A Marela díulle hoxe por monear e púxome quente de mais , non é ho que pensas.


Eche así, seica os animais requestan ó dono.


A Josefa (foto) e mais Daniel (in memoriam)



Moradella editora




13 abril 2013

Conto 23: Os Caracolos




Houbo unhos anos que Serafín Monea viña polo verán de vacacións a Santomé.
Como el era un bo cociñeiro e un home xeneroso, sempre organizaba e convidaba a un que outro xantar, alí nas Airas.

Un ano, chafallando pola praza de abastos, na capital, gustáronlle unhos caracolos que viu.
Así que agarrou duas saquetas deles e marchou á aldea.

En Santomé deixóunos colgados a babuxar no laranxo que tiña Angelina no inxido, á beira da súa cociña.

Pola tardiña, pasando Otilia por diante deles, pensou que os rapaces andábanche de gamberrotes e que lle deixaran aquiles coscos, que lle diron moito noxo.

Otilia agarrou as saquetas e zapateóunas a correr no contedor do lixo.
De volta, sentiu ós homes xogando ó dominó no bar, entre eles Serafín, dicindo :

- Pasado mañá vóuvos gobernar unhos caracolos cun mollo para xantar, que ides quedar quentes.

    - Bo, iso aquí no hai que ch'o queira, á xente dánlle noxo, dixo Filimón.
- Ben, cando probedes, xa veredes que cousa máis boa.


Otilia ó sintir aquelo, pensou : mecágona !, non foron os rapaces.
A cousa quedou así.

Ós dous días, alá vai Serafín recoller os caracolos ó inxido, para meterlles a man e claro, non estaban xa no laranxo.
Entón, entrou na cociña onde Otilia :

- Oes, e logo os caracolos que deixara aquí diante ?
     - Eu non che sei ren, dixo Otilia,  comeríanos os cans.
- Como van comer caracolos os cans, iso eche imposíbile, contestou Serafín.
     - Pois non  sei, dixo Otilia.


Serafín remexeu para diante e para trás e non atopou, nin cans, nin caracolos, nin cascas, nin coscos siquera.

A cousa eche así, pode que a algún Santomequeiro lle saiban os caracolos,
mais si é así, ben seguro que botou unhos anos noutras culturas.



A Otilia e mais Serafín Monea (in memoriam).

Foto : /Comilota nas Airas , paella xentileza de Serafín Monea.
(polo verán do 1972)



Moradella editora



14 marzo 2013

Conto 21 : O reloxo


Unha noite do verán, viñan os mozos da festa de Macendo, e pararon aínda un pouco á parola onde o lavadoiro.

A un deles colléulle un apretón, coa camiñada de volta.
Así que, agarrou e metéuse nunha viña alí á beira.

O home quedou desabafado, deixando aquel presente na viña, que mira ti, érache do Pepe Xereque.

A mala sorte quixo, que ademais do regaliño que deixou na viña, seica o turrar, caíralle o reloxo na gabia.

O mozo ata pola mañá, non extrañou o reloxo.
Así que dándolle voltas a cousa, pensou que se cadra lle caira na viña do Xereque.

Foi para alá, mais só viu o potretón. Non se lle ocorria en ningures para perdelo.

(Xa foi mala sorte que o Xereque fora cachafurrear na viña pola mañá cedo e atopara co reloxo).

Dispois do mediodía, no café das Airas, alí chega Pepe Xereque cun reloxo en cadansúa pulseira, o seu mailo outro, falando alto e forte :

- Atopei un reloxo, si sabedes quen o perdeu ?
De quen queira que sexa, se me di onde o perdeu, dóullo !.


O dono non estaba alí, mais pouco tardou en coñecer onde tiña o seu reloxo e cabilou para diante e para tras, e non foi capaz de ilo pescar.

Pensou no longas que as gastaba o Xereque e diu o reloxo por perdido para sempre.

Podería acontecer, se o mozo fose reclamarlle o reloxo, que o Xereque llo devolvera envolto co outro regaliño que deixara na gabia, quen sabe.


A Antonio Xereque
Foto : O lavadoiro de Santomé (2012)


Moradella editora





Conto 87 : O corvo da Moradelha

  O corvo da Moradelha Quando polos anos 60 triunfavam os Beatles : Em Santomé, polas tardinhas, logo da merenda, os nenos botavan uma parti...