28 abril 2013

Conto 26 : Os cinco pesos



Dispois da guerra a fame érache moita.

Entón ter un fillo facendo o servizo militar era bo, xa que non xantaba nin durmía na casa.

Mais tamén doutro xeito, non chistaba o feito de non poder contar con el no traballo.

Con sorte e traballando duro, na casa tíñase algún leite, millo para bica, algo de viño e unhas lengüizas, un pouco de lardo, e ovos poucos, que había que vendelos xunto co lacón mailo xamón da mata.

Se habia algúns cartos do xornal da Ribeira, non chegaban a nada.

Velaí que un día chegou unha nova, carta dun fillo, dicindo :

Queridos pais :

Compríanme cinco pesos, para poder vir á casa de volta no tren, a pasar unhos días convosco.
Dende Barbantes xa virei a pé.


E o pai respondéulle,

Querido fillo :


A carta que enviaches pidíndome cinco pesos, non a recibín.
Pola presente aquí todos che estamos ben.
Os tíos e primos mándanche moitos recordos e a túa avoa reza cada noite por ti.

Sen máis, recibe unha forte aperta dos teus pais.


A Eladio Monea (in memoriam)

Foto : Antonio Vicente Monea, de pé coa gorra de viseira
(no campamento de Sant Climent Sescebes en Girona, polo 1970).


Moradella editora





21 abril 2013

Conto 25 : A vaquiña terca



A vaquiña terca
(Din que os animais requestan ó dono)


Un dia pola tardiña, xa no luar, viña Daniel das Airas levando dous licores café de máis no corpo.

E xa na Moradella, abrindo a cancela do seu patio, estaba Elvira agardandoo no corredor :
- Oes Daniel, hoxe tés que munguir tí, que Josefa ándache coa rega na Fontela.
            - Ben muller, que lle imos facer, xa vou pra corte.

Daniel deixou a caxata na escaleira e agarrou un caldeiro disposto a munguir.

Dispois colleu a aguillada e entrou na corte :
Vaca atrás! , festa pra trás!, que che dou, vásme comer !, vaca alá, quietiña ...

Colleu o tamborete da munguida, sentouse como puido e comenzou a munguir a duas mans (profesional).

Cando levaba unhos cuartillos, alá vai a Marela que dunha couce zapateou o caldeiro co leite.

Daniel enfurruñou e atóulle a perna da vaca no pesebre.

Mungue que mungue, o cabo de pouco alá vai de novo coa outra perna e tras, volveu chimpar a vaca outra vez o caldeiro.

Mecágona! Imos quedar sin leite. Atóulle a outra perna cunha corda.

Xa parecía que a cousa íache millor e trás, co rabo a Marela volveu zapatear o leite.

Daniel desesperado sacou o cinto dos pantalós e subindo no tamborete púxose a amarrar o rabo da vaca nunha trabe da corte.

Nesto que aparece Josefa pola porta, mirando seu pai, que coa sospresa caíranlle os pantalós :

- E logo que fai papá, hoxe bebeu un chisco de mais !
            - Mira Josefa sei o que estás pensando, mais tén unha explicaución anque non ch'o pareza.
            - A Marela díulle hoxe por monear e púxome quente de mais , non é ho que pensas.


Eche así, seica os animais requestan ó dono.


A Josefa (foto) e mais Daniel (in memoriam)



Moradella editora




13 abril 2013

Conto 23: Os Caracolos




Houbo unhos anos que Serafín Monea viña polo verán de vacacións a Santomé.
Como el era un bo cociñeiro e un home xeneroso, sempre organizaba e convidaba a un que outro xantar, alí nas Airas.

Un ano, chafallando pola praza de abastos, na capital, gustáronlle unhos caracolos que viu.
Así que agarrou duas saquetas deles e marchou á aldea.

En Santomé deixóunos colgados a babuxar no laranxo que tiña Angelina no inxido, á beira da súa cociña.

Pola tardiña, pasando Otilia por diante deles, pensou que os rapaces andábanche de gamberrotes e que lle deixaran aquiles coscos, que lle diron moito noxo.

Otilia agarrou as saquetas e zapateóunas a correr no contedor do lixo.
De volta, sentiu ós homes xogando ó dominó no bar, entre eles Serafín, dicindo :

- Pasado mañá vóuvos gobernar unhos caracolos cun mollo para xantar, que ides quedar quentes.

    - Bo, iso aquí no hai que ch'o queira, á xente dánlle noxo, dixo Filimón.
- Ben, cando probedes, xa veredes que cousa máis boa.


Otilia ó sintir aquelo, pensou : mecágona !, non foron os rapaces.
A cousa quedou así.

Ós dous días, alá vai Serafín recoller os caracolos ó inxido, para meterlles a man e claro, non estaban xa no laranxo.
Entón, entrou na cociña onde Otilia :

- Oes, e logo os caracolos que deixara aquí diante ?
     - Eu non che sei ren, dixo Otilia,  comeríanos os cans.
- Como van comer caracolos os cans, iso eche imposíbile, contestou Serafín.
     - Pois non  sei, dixo Otilia.


Serafín remexeu para diante e para trás e non atopou, nin cans, nin caracolos, nin cascas, nin coscos siquera.

A cousa eche así, pode que a algún Santomequeiro lle saiban os caracolos,
mais si é así, ben seguro que botou unhos anos noutras culturas.



A Otilia e mais Serafín Monea (in memoriam).

Foto : /Comilota nas Airas , paella xentileza de Serafín Monea.
(polo verán do 1972)



Moradella editora



Conto 87 : O corvo da Moradelha

  O corvo da Moradelha Quando polos anos 60 triunfavam os Beatles : Em Santomé, polas tardinhas, logo da merenda, os nenos botavan uma parti...