“Debeu
de ocorrer a principios de 1970, poda que no 73. Era, iso si no inverno, entre Navidades
e Entroido que era cando en Santomé a xuventude non dispoña de moitos recursos
para divertirse e tiñamos que recorrer ao inxenio para non aburrirnos demasiado.
Ese
Domingo xuntarámonos un grupo de mozas e mozos, arredor de vinte, no Rancho que
era como lle chamabamos ao bar tenda que fora de Lino García e que despois
reabrira durante algún tempo o seu irmán Antonio “o tolo” e entre todos acordamos
facer unha merenda/cena poñendo cada un o que puidera, decidíndonos ao final
por un arroz con pito. Arroz había na tenda así como pementos morros,guisantes, tomate, azafrán etc.
O
que había que conseguir era o capón e para iso encargarámonos dous ou tres en saír
a buscalo non tardando moito en volver cun ben mantido exemplar. De desplumalo
e limpalo encargáronse outros e de cociñalo fíxeno eu que xa tiña algo de experiencia
daquelas por haber traballado de cociñeiro .
A
experiencia non serviu de moito xa que o capón xa non era novo e a pesar de
botar mais de unha hora cocendo acabou quedando bastante duro, iso si o arroz
estaba bo e comeuse todo. Da bebida e dos cafés encargábase Antonio, non facía
falta nada mais que pedirlle, mais difícil era a hora de pagar xa que había que
discutir con el para que cobrara con algo de ganancia.
Unha
vez ben comidos e bebidos quedaba cantar e de iso o especialista en shows era o
Cuco de Hortensa, non precisamente polo ben que o facía, senón polo entusiasmo que
lle poñía, mais que nada cas cancións en inglés. A reina de todas e con que
sempre remataba era Mamy Blue versión orixinal.
O
espectáculo empezaba facendo unha representación que intentaba ser seria, nun castelán
de andar por casa, que ben podía parecerse a isto: “Señores y señoras con todos ustedes José Villar, mas conocido como el
Cuco”. A partir de aí xa era moi difícil que puidera continuar xa que as
risas na xente eran inconteñibles. Cando conseguía que houbera algo de silencio
intentaba seguir, pero como quería empezar sempre desde o principio, volvían as
risas e isto podíase repetir varias veces hasta poder engadir algo mais. “Hoy vamos a interpretar para este
distinguido publico que nos acompaña”, ja ja ja, “la canción de los Pop Tops que lleva por
titulo Mamy Bluj ”,
ja,ja,ja,
“para acompañarme está mi vecino
Luisjuai que hará el coro”.
O
de acabar os nomes ou os títulos en j, juai ou algo que puidera parecerse ao
inglés, e literal. A canción podía parecerse un pouco a isto, con moita
imaxinación:
O
Cuco: ai mai bi yu jause wuay di wey
Eu: Oh Mamy
O
Cuco: mai wey yu jaus….
Eu:
Oh Mamy
Cando
chegaba ao estrebillo animaba a cantar a todos e a xente obedecía entre risotadas.
Realmente era un espectáculo, había que velo.
O
peor veu ao dia seguinte xa que dende a maña cedo a tia María García andaba en busca
dun capón que lle desaparecera e viñéralle preguntar a miña nai, que vivía en fronte,
eran comadres e sempre se levaran ben, si o había visto. Miña nai non sabia nada
de nada. Xa pola tarde parece ser que Antonio ao ver a nai tan desgustada, acaboulle
dicindo que o dia antes os raparigos fixeran
unha paella cun capón no Rancho, que o desplumaran no patio, e que si quería
mirar si era o dela fora a ver as plumas que aínda andaban por alí.
Aínda
hoxe non sei ben porque a tia María me inculpou a min como principal executor,
recoñezo que tiven algo que ver pero non fun o único, o caso e que á miña nai
castigouna sen falarlle durante un tempo. Eu daquelas xa paraba pouco por Santomé
pero aínda así, cando pasaba ao lado dela e saudábaa, nunca me devolvía o saúdo.”
Texto By Luis de
Olimpia
A Cuco Manroi in
memoriam (foto)
Moradelha editora

Ningún comentario:
Publicar un comentario