14 marzo 2013

Conto 21 : O reloxo


Unha noite do verán, viñan os mozos da festa de Macendo, e pararon aínda un pouco á parola onde o lavadoiro.

A un deles colléulle un apretón, coa camiñada de volta.
Así que, agarrou e metéuse nunha viña alí á beira.

O home quedou desabafado, deixando aquel presente na viña, que mira ti, érache do Pepe Xereque.

A mala sorte quixo, que ademais do regaliño que deixou na viña, seica o turrar, caíralle o reloxo na gabia.

O mozo ata pola mañá, non extrañou o reloxo.
Así que dándolle voltas a cousa, pensou que se cadra lle caira na viña do Xereque.

Foi para alá, mais só viu o potretón. Non se lle ocorria en ningures para perdelo.

(Xa foi mala sorte que o Xereque fora cachafurrear na viña pola mañá cedo e atopara co reloxo).

Dispois do mediodía, no café das Airas, alí chega Pepe Xereque cun reloxo en cadansúa pulseira, o seu mailo outro, falando alto e forte :

- Atopei un reloxo, si sabedes quen o perdeu ?
De quen queira que sexa, se me di onde o perdeu, dóullo !.


O dono non estaba alí, mais pouco tardou en coñecer onde tiña o seu reloxo e cabilou para diante e para tras, e non foi capaz de ilo pescar.

Pensou no longas que as gastaba o Xereque e diu o reloxo por perdido para sempre.

Podería acontecer, se o mozo fose reclamarlle o reloxo, que o Xereque llo devolvera envolto co outro regaliño que deixara na gabia, quen sabe.


A Antonio Xereque
Foto : O lavadoiro de Santomé (2012)


Moradella editora





15 marzo 2012

Conto 15 : O Senxeito




Naqueles tempos as estradas éranche estreitas, de terra e máis de grava.


A Pepe Motora chamábanlle así porque sempre andaba correndo coma unha moto, dun lado para outro, onde quixera que fora.


Xa en Castela, nas segas, lle puxeran o alcume, ben o seu xeito, como sempre se poñen.
Seica coronaba velo carrexando os feixes e levándolle auga aos homes.


Así que vindo un día da feira Pepe Motora, pasou o coche de línea do Sinxeito a beira del, e claro, parou para recollelo.


- Sube Motora, dixo o Senxeito.

- Non subo que téñoche moita presa, contestou agudo Pepe Motora.


¡ Canto corría Motora e que devagar andaba a línea, ou que !.


A Pepe Motora (in memoriam)

Foto : /En Cartelle polo ano 1970.
Dario, Eladio e Serafin Monea coas donas e cos primos de Terzas, Orlando e mais Paco e seu cuñado Avelino.

Moradella editora



31 outubro 2010

Conto 11: O ollo de vidro




O ollo de vidro
Conversas á beira da pota do augardente

- Oes, pois un tío meu facendo o servizo militar, mentres che era de garda, seica escapou un tiro dun cetme e chimpóulle un ollo.

Levárono ó hospital e puxénronlle un ollo de vidro.
E podes crer que aínda hoxe véche mellor co ollo de vidro que co outro !.

- Bo, eso no che é nada ho !.

Meu tío, traballando na fábrica da Seara deuxou catro dedos dunha man na serradora.
No hospital inxertáronlle unhos tetos de vaca.
E podes crer que ó turrar deles aínda hoxe dan leite, chacho.

- Home eso habería que velo !

- Si ho !, co ollo de vidro do teu tío !



A Mercedes Monea

Foto :/ Ano Xacobeo 1999.  Lola, María e Carme


Moradella editora






30 outubro 2010

Conto 10 : A rifa da burra



Un ano para as festas de Santomé,
o cura organizou facer unha rifa,
para recoller cartos.

Falou co sacristán e ordenaron,
que estaría ben rifar unha burra.

Mírate tu que a burra fóille tocar ó sacristán, chacho.



A Dario Monea

Foto: / Marquiños en Nogueiró, Agosto 2006


Moradella editora



09 febreiro 2009

Conto 7: O cabalo




Un home tiña un cabalo e non che andava alá moi contente con el. Só comía e durmía.

Entón marchou cara a feira co cabalo para ver si ch'o vendía.

Xa na feira, outro home, interesado en mercar un cabalo para a súa facenda, preguntou:
- Que tal é este cabalo bo home ?

- Pois este cabalo éche unha marabilla.
Cómeche pouco, amais calquera cousa, tanto che ten que sexa unha pataca o unha mazán ou un nabo podre, ata un toxo, con eso pódeche pasar o dia, sen parar de traballar, corona velo.

- Home sendo así. Canto quere vostede por el ?.

- Pois tanto.
- Estache ben.

O home mercou o cabalo e levouno consigo.

Ó día siguinte, o cabalo no se lle daba erguido e só che quería comer. O dono dáballe mazás e patacas, e non as quería. Só lle cobizaba a fariña e o grao. Os aparellos, que os poña o dono, non había xeito.

Pola semana, este home volveu á feira para falar co que lle vendera o cabalo.
Cando atopou con el, díxolle:
- Escoite, o cabalo que me vendeu é un nugallán e só quere comer, e non calquera cousa.
Dorme todo o dia. Non hai xeito que che traballe nada.

O vendedore contestoulle:
- Mire bo home, co as explicacións que vosté da, non vai dar vendido o cabalo !

A Pepe o capitán


Moradella editora




Conto 6: A manta



Un home, un día decidiu deixar de fumar.

Pensou : agora que deixo de fumar, co que aforro podería mercar unha manta.

Pasou o tempo e tivo bastante aforrado e fóiche mercar a manta.

Cando tivo a manta pensou :
agora farei unha sesta no palleiro.

Foi ó palleiro e pensou : eiquí deitado na manta, sabes que, estáseche tan ben que vou facer un cigarro.

O home quedou durmido e comenzou a arder a manta mailo palleiro.

Escapando das lapas, pensou :
O que e para queimar !!, e para queimar !.


A Antonio Ferrerio

Foto: palleiro no Curro



Moradella editora



14 xaneiro 2009

Conto 5 : A radio



Por aquiles tempos, coa chegada da electricidade, pasou por Santomé un home a cabalo dun burro e alforxado.

Levaba consigo varias radios para vender, e repartiunas entre os homes do lugar.
Deixóulleas sen cobralas, para que probasen aquel gran invento.
Unha delas quedóulle a Amancio, para que remexera nela.

Ós poucos dias, volveu o bo home a rematar a venda.

A maioria quedaron coa radio, claro.

Mais Amacio, filosofou que aquel Telefunken falaba solo e non che habia xeito que escoitara a ninguén e entón non o quixo.

A Amancio Seijo (in memoriam) e Antonio do tio Evaristo

PD : Ó agrandar o retrato, veredes que o tamborete de Amancio e noviño, e seica os catro pés non lle asentan ben na terra do Curro. Ademais onde se pousa o cu tampouco lle chista moito, compririalle alí un chisco de palla e puxo o farricallo.


Moradella editora



Conto 4 : A morte



Un dia chegou a morte a Santomé.
Buscaba un home chamado tal e tal.

- Escoite boa muller , dixo, coñece vostede un tal .. 
   - Eu, non. Eiquí non che hai ninguén con ese nome , respondeu (mintindo,claro).
- Pois, teño anotado tal e tal , en Santomé, que raro.

A muller, a correr foi para onde o tal : 
- Escapa, escúndete, fuxe .., a morte anda a tras de ti.

O tal, non sabía que facer, e marchou para o bar das airas, que ó haber moita xente non dará conmigo, pensou el.
E puxo un sombreiro de palla para non ser recoñecido.

A morte farta de buscar e preguntar, decidiu marchar para o bar.
- Eu non podo marchar d'eiquí sin nadia !.
- Sabes que, vou levar aquil do sombreiro ....

(Tal i tal date por morto..)

"Cuando tu vienes airada todo lo barres de plano con tu flecha " (Jorge Manrique). 

A Eliseo Chimpacarros (in memoriam)

Moradella editora



04 decembro 2008

Conto 2 : As bodas do ceo




Apartai pedras que vos fendo !
(das bodas do ceo)


Andaba a raposa polo monte e viu unha águia, preguntoulle :
- Para onde vas ?
    - Vou ás bodas do ceo, respondeu a águia.
- Eu tamén quero ir , dixo a raposa.

Entón a águia baixou o chan e deixou que a raposa subira no seu lombo.
A águia voou ata chegar a unha cima moi alta e zapateou a raposa de riba seu.

O verse a raposa por aquel monte abaixo, espantada, empezou a berrar :
- Apartai pedras que vos fendo ! 
  Que se desta non me escarafelo, 
  non volvo máis ás bodas do ceo !.


A Dario Monea

Foto: Dario (peito lobo) e mais Eladio Monea (mans en riba) na obra (Av. Masnou, Hospitalet de LL., polo 1960)



Moradelha editora



02 decembro 2008

Conto 1 : Ai Mundo, Mundo ! (1)





Ai Mundo, Mundo !
Xoan


Um home chamado Xoan, foi ao enterro dum amigo.
Como é costume come-se e bebe-se amais do velório.

Fazendo um trago para passar as penas e o tempo,
Xoan dixo-lhe ò interloucutor que tinha:

- Ai Mundo, Mundo , que tragos mais amargos !.

O que escuitava, entendia co asentimento,
mais non che entendia nada.

Resulta que ao pobre Xoan acabava-lhe de morrer tamém o gato
e o pobrinho chamava-se Mundo.

E ainda pra mais, o que lhe acabavan de pór para beber
era vinagre e non vinho.

Pobre Xoan e pobre Mundo e pobre amigo.
Que tragos tam amargos, ou que !.


🌟



A Eladio Monea (in memoriam)



Moradelha editora





Conto 87 : O corvo da Moradelha

  O corvo da Moradelha Quando polos anos 60 triunfavam os Beatles : Em Santomé, polas tardinhas, logo da merenda, os nenos botavan uma parti...